Arteixo acolleu unha nova xornada de convivencia ao redor do rugby en Oseiro

Compártenos!
  • Preto de 500 persoas e máis de 250 xogadores déronse cita nesta terceira edición.
  • O CD Zalaeta Rugby Arteixo destaca a colaboración co Concello de Arteixo para converter o evento nunha referencia anual.

Arteixo, 18 de abril de 2026 — O Concello de Arteixo volveu converterse, por terceiro ano consecutivo, no epicentro do rugby formativo galego do rugby 7. O campo municipal de Oseiro acolleu este sábado unha xornada de convivencia de rugby a 7, unha disciplina olímpica en pleno auxe que logrou atraer a preto de 500 persoas ás instalacións municipais.

A cita, que arrancou ao mediodía, reuniu a máis de 250 xogadores arredor dun balón oval e dos valores de respecto e compañeirismo intrínsecos a este deporte. A xornada comezou cun encontro entre as escolas de CR Ferrol, CRAT e o club local, CD Zalaeta Arteixo, para dar paso despois a unha vibrante competición con equipos M14, M16 e M18 chegados de diversos puntos do noroeste peninsular, como o All Rugby Llanera (Asturias), Rías Baixas (Pontevedra) e o Santiago RC, CR Ferrol, CRAT e CD Zalaeta Arteixo.

Un escenario para a formación

O céspede de Oseiro, cuxo verde presentaba un estado óptimo tras os labores de mantemento realizados no último mes, permitiu que máis de 50 nenos e nenas da categoría Escola (de 4 a 11 anos) e preto de 190 mozas e mozos da categoría Academia (de 12 a 17 anos) compartisen unha xornada de aprendizaxe e convivencia.

A alta participación nesta edición reflicte o crecente interese polo rugby base na comarca e a capacidade de Arteixo para organizar eventos deportivos de nivel.

O presidente do CD Zalaeta Rugby Arteixo, Luis Montes “Lucho”, amosouse ambicioso de cara ao futuro do club e da xornada. “Temos a obriga de seguir facendo crecer este evento en Arteixo ano tras ano, e farémolo da man do Concello”, afirmou, incidindo na importancia da colaboración estreita co Servizo Municipal de Deportes e da necesidade de certas melloras na instalación para consolidar esta data no calendario deportivo galego.

Con este éxito organizativo, o club arteixán reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte desde a base, situando a Arteixo como unha referencia no panorama do rugby formativo en Galicia.