Celebramos o noso ‘Día do Club’ cun histórico partido internacional e a estrea das novas porterías en Oseiro

Compártenos!
  • O mítico adestrador arxentino Chuly Merlo apadriñou a inauguración dos “H”, que habilitan a instalación para a disputa de partidos oficiais.
  • O club reitera o seu agradecemento ao Concello de Arteixo, aínda que subliña que a prioridade absoluta é garantir Oseiro como o espazo principal de adestramento da entidade.

Arteixo, 25 de xuño de 2026. – O pasado sábado 20 de xuño, o campo de Oseiro vestiuse de gala para acoller a celebración do ‘Día do Club’ do CD Zalaeta Rugby Arteixo, unha xornada que quedará gravada na historia da entidade tanto polo ambiente de convivencia como polos fitos deportivos acadados.

A mañá comezou coa base do club como protagonista. O céspede de Oseiro converteuse nun espazo de encontro onde pais, nais e os xogadores e xogadoras da escola compartiron campo e xogos, fortalecendo os lazos da gran familia do rugby arteixán. Tras a actividade deportiva matinal, todos os asistentes gozaron dun multitudinario xantar de confraternidade.

Un duelo internacional de lenda

O prato forte da xornada chegou pola tarde coa disputa dun emocionante partido internacional na categoría de veteranos. O equipo local, o CD Zalaeta Rinos Vellos, mediuse á ‘Cuarta del Chuly’, un conxunto arxentino procedente do Club Mariano Moreno de Bos Aires.

Este equipo visitante está formado pola emblemática xeración do 71-72, un grupo de xogadores que foron adestrados por Chuly Merlo dende que tiñan 6 anos ata levalos a competir na categoría sénior no esixente TOP14 da URBA (Unión de Rugby de Buenos Aires). O encontro foi unha auténtica exhibición de compañeirismo e paixón polo deporte oval.

Estrea oficial e prioridades de futuro

O momento máis reseñable e emotivo da xornada estivo protagonizado polo propio Chuly Merlo, quen tivo a honra de apadriñar a estrea do campo de Oseiro como campo de rugby de pleno dereito. O adestrador arxentino inaugurou de forma simbólica as novas porterías (os característicos “H”), unha instalación que permite dende agora a disputa de partidos oficiais no recinto.

Ante este fito, o presidente do club, Luis Montes “Lucho”, quixo poñer en valor o esforzo conxunto que fixo posible esta mellora: “Queremos amosar o noso máis sincero agradecemento ao Concello de Arteixo por todos os traballos realizados para permitir a instalación das porterías”.

Non obstante, a directiva quixo aproveitar a ocasión para deixar clara a folla de ruta e as necesidades reais da entidade de cara ao futuro: “A nosa prioridade absoluta, por riba de todo, é conservar o campo de Oseiro como o noso lugar de adestramento. É o espazo vital onde se forxa a nosa escola e o noso club no día a día”.

A xornada pechouse co tradicional terceiro tempo, consolidando o compromiso do CD Zalaeta Rugby Arteixo co crecemento do deporte no municipio e o afianzamento das súas instalacións.