Éxito rotundo na estrea histórica de Arteixo como sede do rugby base galego con preto de 300 participantes

Compártenos!
  • O CD Zalaeta Rugby Arteixo fai un balance inmensamente positivo da Primeira Concentración de Escolas de Galicia e agradece o apoio recibido.
  • O club xa toma nota dos aspectos a mellorar para consolidar a Ponte dos Brozos como un referente formativo na vindeira tempada.

Arteixo, 20 de outubro de 2025. – As instalacións deportivas de Ponte dos Brozos foron onte o epicentro do deporte do oval en Galicia. A celebración da Primeira Concentración de Escolas de Rugby da tempada, organizada por primeira vez na súa historia polo Club Deportivo Zalaeta Rugby Arteixo en colaboración coa Federación Galega de Rugby (FGR), pechouse cun rotundo éxito de participación e público.

Ao redor de 300 nenas e nenos de toda a comunidade, pertencentes ás categorías formativas mixtas (M6 a M12), déronse cita en Arteixo entre as 11:00 e as 14:00 horas. A xornada destacou polo fair play, o intercambio de experiencias entre as diferentes canteiras e a promoción dos valores fundamentais deste deporte.

O orgullo de xogar na casa Para o CD Zalaeta, unha entidade que se define dende a humildade e o traballo diario, o evento de onte tivo unha carga emocional moi especial. A directiva e o corpo técnico subliñan o fermoso que foi para toda a familia do club poder ver á súa propia rapazada xogando na casa, arroupados polos seus veciños e familiares nunhas instalacións cheas de vida.

O club quere expresar o seu máis fondo agradecemento por todas as mensaxes, correos electrónicos e felicitacións en persoa que están a recibir tras a finalización do evento. Este fito non tería sido posible sen as innumerables mans que, de xeito directo ou indirecto —desde persoal voluntario, familias e institucións ata a propia FGR—, traballaron arreo para que esta concentración fose unha realidade no concello.

Visita de Alcalde de Arteixo e membros da corporación municipal.

Visión de futuro Malia o bo sabor de boca xeral, a organización afronta este éxito con afán de superación. A directiva xa ten recollidas todas as cuestións técnicas e loxísticas susceptibles de mellora, co firme obxectivo de optimizar a experiencia de cara á (ogallá) próxima tempada, consolidando así o compromiso do club co deporte base e con Arteixo.